Moción cidadá pola xestión municipal das actividades extraescolares no CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos

Ao abeiro do Regulamento municipal de participación cidadá vixente no Concello de Betanzos, a Asociación de Nais e Pais BRIGANTIUM do CEIP Francisco Vales Villamarín con CIF G15.506.397,como asociación inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Betanzos.

EXPOÑEMOS:

A desatención e inhibición da administración pública no tocante á xestión e organización dos servizos de prestación de actividades extraescolares, comedor escolar e mañanceiros, conleva que no curso 2002-2003 a comunidade escolar betanceira se vexa obrigada a asumir de forma directa a prestación destes servizos esenciais. Desta forma, nais e pais do CEIP Francisco Vales Villamarín vinculados á ANPA Brigantium, crean a Asociación Deportiva Vales Villamarín para inicialmente impulsar e manter as actividades extraescolares. Posteriormente tamén a ANPA Brigantium crea o servizo mañanceiros e o comedor escolar.

A comunidade escolar de Betanzos, co alento, apoio e civismo da cidadanía de Betanzos, Coirós e Paderne, ten feito unha realización colectiva de gran valor social. Impulsa, deseña, configura e consolida ao longo de sucesivos cursos escolares o modelo betanceiro de prestación de servizos complementarios escolares.

Centrados nas actividades extraescolares, as característivas máis salientables do modelo betanceiro son:

-Unha oferta ampla de actividades con parámetros de calidade por riba da media.

-As cotas económicas para as familias participantes sempre mantiveron unha cuantía por baixo dos prezos establecidos polo sector privado.

-Tamén a remuneración das monitoras e monitores estivo sempre por riba, consecuentemente á consideración da importancia do traballo realizado no ámbito informal do ensino, así como o compromiso da comunidade escolar na dignificación do labor das e dos profesionais.

Este logro colectivo é atribuible ao longo do tempo ás nais e pais, mestres e mestras, monitoras e monitores e ao conxunto da cidadanía a través da colaboración principalmente económica do Concello de Betanzos.

Non obstante, a configuración actual da xestión e organización das actividades extraescolares no CEIP Francisco Vales Villamarín tamén presenta debilidades, entre as que destaca a elevada cantidade de tarefas e a complexidade das mesmas, que recaen sobre a ANPA Brigantium que é unha asociación conformada por nais e pais voluntarios.

Semellante volume de traballo esixe unha dispoñibilidade e un grao de entrega que non se lle pode esixir a ninguén de xeito diario e voluntario. Máxime cando son as administracións—Xunta e Concello-e non unha asociación as responsables das actividades extraescolares.

A finalidade social das actividades extraescolares, no seno da propia comunidade escolar e para o conxunto da sociedade, abrangue unhas necesidades dunha magnitude social tan sumamente relevantes que requiren a intervención da administración pública:

-Conciliación da vida familiar e laboral:

A carencia dun tratamento axeitado do dereito á conciliación da vida familiar e laboral e a ausencia de mecanismos axeitados e efectivos para reverter este problema a nivel do conxunto da sociedade, converte ás actividades extraescolares na principal iniciativa pola conciliación e imprescindibles neste sentido

-Igualdade de oportunidades:

O carácter inclusivo das actividades extraescolares configura un espazo social favorecedor da aplicación do principio de igualdade de oportunidades e polo tanto xerador de cohesión e benestar social.

-Espazo de ensino non formal, complementario e necesario:

A existencia das actividades extraescolares conleva as ventaxas pedagóxicas propias dun espazo de ensino non formal, complementario ao ensino regrado, que potencia os valores da sociabilidade responsable nun entorno colaborativo.

-Xornada lectiva en sesión única de mañá:

Según a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 29 de maio de 2008, pola que se estrablece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá, a existencia dun Plan específico de Actividades Extraescolares é requisito indispensable para o mantemento do horario de xornada única que, desde a súa implantación, ten repercutido favorablemente en términos de conciliación e pedagóxicos.

Resulta destacable que desde o curso 2013-2014 o Servizo de Comedor e mañanceiros á iniciativa da comunidade escolar de Betanzos, está sendo prestado a través da xestión pública municipal con resultado favorable.

Este feito ten implicado o fortalecemento das bases sobre as que se sustenta o modelo betanceiro de prestación de servizos de comedor, mañanceiros e actividades extraescolares no ensino de titularidade pública na etapa obrigatoria de escolarización.

Tamén na sesión plenaria do 19 de decembro do 2013 a corporación municipal de forma unánime aproba instar ao goberno local a asumir a organización das actividades extraescolares.

Este importante acordo plenario quedou sen aplicación, se ben ten o aspecto positivo de definir pautas de actuación municipais adecuadamente orientadas, aínda explicitando un marco temporal excesivamente rebasado para a realización do compromiso asumido coa comunidade escolar betanceira

Sostemos que é absolutamente inaprazable a aplicación efectiva do compromiso adquirido coa comunidade educativa betanceira, e deste xeito fortalecer e preservar o modelo betanceiro de prestación de servizos educativos complementarios no ensino público.

 

Por iso,

SOLICITAMOS:


A asunción por parte da administración municipal de Betanzos no vindeiro curso 2016-2017da xestión pública das actividades extraescolares no CEIP Francisco Vales Villamarín.

 

Asdo:

 Xunta Directiva da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Villamarín de Betanzos 

Aprobada por unanimidade no Pleno Ordinario da Corporación Municipal do Concello de Betanzos do 23 de Febreiro de 2016.

 

2016 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos