Declaración institucional a prol dunha formación integral da infancia e a mocidade


Cada vez faise máis evidente, especialmente pola comunidade educativa e as familias de nenos e mozos en idade escolar, o nacemento dunhas Novas Necesidades Educativas complementarias á educación formal e orientadas ao cumprimento de varios fins:

-Acadar unha formación integral do alumnado, cada vez máis necesaria nunha sociedade que se vai facendo máis e máis complexa, onde se esixe unha formación integral das persoas para seren capaces de aprender a ser, aprender a coñecer, aprender a convivir e aprender a facer nos diferentes escenarios onde transcorra a súa vida.

-Acadar unhas habilidades complementarias ao ensino formal e compensadoras de posíbeis desequilibrios sociais así como aquelas outras que fomenten a actividade física e deportiva.

-Aprender a utilizar o tempo libre de forma enriquecedora, en actividades deportivas, creativas, de desenvolvemento de habilidades técnicas, musicais, etc. e que, por outra banda, axuden a prever outros tipos de utilización máis nocivas do mesmo, como serían a drogadicción, botellón, etc.

-E non menos importante nestes momentos, que sirvan de paliativo ao retroceso de dereitos sociais derivados da crise económica que estamos a sufrir, como é o caso das medidas de conciliación da vida familiar, con horarios que se teñen tornado cada vez máis ríxidos.

Co obxecto de satisfacer estas novas necesidades educativas estanse a adoptar medidas que son realmente un conxunto de novas ensinanzas non formais que conforman unha formación lúdica, aprendendo mediante o xogo e a cooperación, entre as que teñen especial relevancia as que podemos englobar dentro do grupo das actividades deportivas e culturais.

Diante desta necesidade cada vez máis sentida, o pleno do concello de Betanzos, por unanimidade dos grupos municipais que o compoñen, entende que é o momento de realizar unha solemne Declaración institucional no seu apoio, asumindo os seguintes compromisos:

1) O Concello se compromete a desenvolver, no ámbito das súas competencias e en aplicación da lexislación vixente, unha política municipal activa, globalizadora, participativa e coordinada en favor da formación integral da infancia e a mocidade deste municipio.

En concreto adquire o compromiso de, en canto a situación económica e a lexislación vixente o permitan, crear  escolas deportivas e culturais municipais dirixidas especificamente ao alumnado que cursa estudos no CEIP Vales Villamarín, como un dos piares que favorezan a súa formación integral, en canto a situación económica e a normativa vixente así o permitan.

2) O Concello  solicitará liñas de axuda económicas a Xunta de Galiza para o apoio a estas actividades, e para  a implantación de medidas encamiñadas a dar estabilidade a este tipo de actividades.

3) O Concello manterá un contacto regular e institucional coa comunidade educativa (profesorado, alumnado e nais e pais de alumnos) para determinar, valorar e facer un seguimento do cumprimento deste compromiso político.

2016 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos