Carta do director do CEIP Fco Vales Villamarín

Betanzos, 16 de setembro de 2014

Estimadas familias:

Quede claro que como funcionario do corpo de mestres e director que son do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos cumprirei, da mellor maneira posible, coas obrigas que ambas as dúas condicións levan consigo, mentres continúe en activo e ata a vixencia do meu nomeamento. Pero diante da nova situación que agora se presenta e de todo canto se fala e se falou, de todo canto se verteu nos medios de comunicación e nas redes sociais, unha vez iniciado o curso 2014-2015, véxome na obriga persoal, profesional e mesmo moral de facer partícipes das miñas reflexións á comunidade educativa. Por min mesmo, pero principalmente polos alumnos e alumnas e os seus pais e nais, polos meus compañeiros e compañeiras e quizais tamén polos betanceiros e betanceiras en xeral, cos que ao longo destes últimos cinco anos compartín arelas, esforzos e ilusión nun obxectivo que, agora mesmo, semella inalcanzable.

Neste momento resulta xa fóra de lugar recorrer ao pasado para analizar se a construción dunha escola de educación infantil e no emprazamento elixido (froito dunha decisión adoptada no ano 2006 e da que eu, que daquelas non impartía docencia no Vales, souben pola prensa) é ou non a máis acertada para dar solución ao colapso do noso centro, como tal veño anticipando dende que no ano 2009 fun nomeado, nin o pedín nin me ofrecín, director do mesmo. Tampouco sei se crear agora, no ano 2014, unha EEI destas características é ou non un anacronismo, de calquera xeito non sería a única de Galicia e mesmo algunha creouse con posterioridade ao ano 2006; en todo caso, a lexislación actual contempla a existencia destas, e neste escenario de decisións, emprazamentos e saturación, agora mesmo, non cabía outra alternativa. Así que, propuxemos e negociamos, porfiamos e insistimos; tamén soubemos ser todos (Centro, ANPA, Concello e Corporación Municipal) pacientes, colaboradores e responsables nunha fronte común para que o novo colexio de infantil fose, canto antes, unha realidade. E velaí está.

Pero, o que parecía colocarnos, despois de tanto tempo, na mellor das situacións posibles, muda radicalmente ao decidir a administración educativa que o que todos pensabamos ía ser unha EEI en Betanzos (Como tal aparece no DOG do 02/04/2013, onde se publica a RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2013 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e O. U., pola que se anuncia a licitación... Igualmente no DOG do 05/09/2013 onde se publica a RESOLUCIÓN que recolle a formalización do contrato para a súa construción) sexa un aulario (termo que por certo non existe en galego e que en castelán, segundo o DRAE, fai referencia a:

En un centro de enseñanza, edificio destinado a aulas) do CEIP Francisco Vales Villamarín.

Non vou a estenderme sobre os pasos que demos, nin a valorar os posicionamentos adoptados e nin sequera pretendo discutir esta decisión pero, como xa dixen no primeiro parágrafo, necesito compartir o que sei e penso, non sen antes deixar perfectamente nidio que nada ten que ver coa miña comodidade como actual director (que repito, é unha situación transitoria e non buscada, que remata co actual curso 2014/15), cargo que desempeño con maior ou menor acerto, pero si coa máxima implicación e esforzo de que son capaz.

Comezarei por afirmar con rotundidade a miña convicción de que estabamos a crear unha EEI totalmente independente e adscrita (temos outras cinco nos concellos de Coirós e Paderne) ao Vales, o que garantía a posterior escolarización do seu alumnado no noso centro de educación primaria (CEP). E esa era a sensación que, cando menos, me transmitiron as conversas e reunións que ao longo deste proceso mantiven cos distintos inspectores que tivo o centro, co persoal da unidade técnica e de equipamento de centros e outros cargos da administración; pero non só eu, toda a comunidade educativa tiña a mesma percepción, abonde coma mostra que o propio Goberno Municipal andaba a barallar nomes para asignarlle ao novo colexio. Cómpre engadir que non sería a única realidade escolar destas características (CEP cunha EEI adscrita), xa que en Galicia hai 24 CEP e das 131 EEI, 25 contan con máis dunha unidade e 6 delas son moi semellantes en tamaño e alumnado a como o sería á nosa.

Posteriormente, tan só necesitei ler para reafirmar este convencemento e ter por certo que a construción, que agora estreamos, foi concibida como unha EEI e non unha ampliación ou aulario do Vales Villamarín, xa que como tal aparece denominada nos DOG citados anteriormente e nos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega do ano 2014. Resulta exemplificador comprobar outras resolucións nos DOG e nos propios orzamentos nas que si figuran as denominacións de ampliación ou aulario para outros centros educativos (por exemplo, AMPLIACIÓN CEIP EMILIA PARDO BAZÁN – A CORUÑA ou CONSTRUCIÓN DE AULARIO CEIP DE SADA E OS SEUS CONTORNOS). Digo máis, que sentido tería xa que logo ter construído no novo colexio, de ser este concibido como aulario, dependencias como unha secretaría, despachos para a xefatura de estudios e a dirección do centro e mesmo unha sala para uso exclusivo da ANPA?

Por outra banda, a distancia (sempre pola beirarrúa e respectando os pasos de peóns, habida conta ademais da enorme densidade de tráfico da Avda. Fraga Iribarne) dende a porta principal do Vales Villamarín á homónima do novo colexio anda polos 400 metros (concretamente 397); pode constatarse que se alguén ten que trasladarse, ida e volta, dende a segunda planta dalgún dos edificios do Vales ao final dun dos corredores do novo colexio estaría facilmente a percorrer 1 quilómetro. En verdade foi concibido coma un (En un centro de enseñanza, edificio destinado a aulas) aulario?

Se ademais é de sentido común que macrocentros como actual CEIP Francisco Vales Villamarín, con preto de mil alumnos e alumnas (990 para seren exactos, no presente curso 2014/15) non deberían ter existido e que non hai en Betanzos unha soa persoa que non afirme que ter consolidado esta situación dende a creación do centro hai xa máis de 40 anos é un mal endémico, por que non rematar dunha vez por todas con este erro histórico para pasar, por fin, dun CEIP de 1000 alumnos e alumnas (isto si que é un anacronismo) a unha EEI de 300 e un CEP de 700?

Á vista de todo o anterior, non habendo problema algún de carácter legal, existindo antecedentes de realidades escolares semellantes por toda Galicia, documentada a concepción orixinaria do novo centro como unha EEI, vista a distancia e situación dos dous colexios e podendo reparar un erro de escolarización histórico, é complicado entender, aceptar xa dixen é a miña obriga, que a administración educativa decida que o novo centro sexa un aulario do Vales Villamarín, e aínda máis cando a totalidade dos argumentos esgrimidos ao respecto ou ben son dificilmente sostibles ou carecen de fundamento e mesmo cústame crer que acrediten neles aqueles que os utilizan.

Parece ser que, en todo este proceso, nunca, dende a administración educativa, houbo quen dixera que o novo colexio ía ser unha EEI independente e adscrita ao Vales Villamarín; acaso é preciso ratificar de palabra (sancionar in voce) unha resolución publicada no DOG, o diario oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se divulgan con carácter oficial as normas xurídicas e outros actos da administración e do goberno galego para que produzan os efectos xurídicos correspondentes? Pero é que ademais si se dixo; a acta da reunión da Xunta de Persoal Docente do mes de maio do presente ano, no apartado 4. Rogos e Preguntas, recolle literalmente: “Centro novo de Betanzos. A Xunta de Persoal solicita información sobre este centro. O Xefe Territorial manifesta que este centro é un centro independente con (15+3) unidades e que profesores e alumnos do CEIP Vales Villamarín pasarán ao centro novo e que se prevé que comece o próximo setembro.”

Débese descartar dar autonomía ao novo colexio pola súa cercanía ao Vales Villamarín (claro está, considerando cercanía un percorrido de ida e volta de case 1 quilómetro). Paradóxico que, por exemplo, en Redondela a EEI A Marisma e o CEP Santa Mariña, ao que está adscrita, estean na mesma rúa e practicamente fronte por fronte (rúa A Marisma 3 e 2, respectivamente); ou, outro exemplo, que en Pontevedra capital ao CEP Campolongo e á EEI adscrita, Concepción Crespo Rivas, os separe tan só o muro que delimita os respectivos patios de recreo. Por suposto, en ambos os dous casos, o alumnado dos centros é inferior en número ao do Vales.

O que se ía construír, unha EEI, unha ampliación, un aulario... que máis ten, simple cuestión de terminoloxía, de semántica. Precisamente de semántica, a rama da lingüística que estuda o significado das palabras e as súas modificacións (DRAG). Non quero caer na pedantería, á que me empurra unha máis que segura deformación profesional, de trazar as enormes diferenzas significativas entre escola, ampliación e aulario (perdón, deste último termo xa o fixen) e das que todos e todas somos sabedores.

Seica dous centros independentes (unha EEI e un CEP) poderían dificultar a conciliación da vida laboral e familiar coa escolar, ao haber familias con fillos e fillas en ambos os dous. En calquera caso, esa dificultade na conciliación, non ven dada pola independencia ou non dos centros educativos, senón polo seu emprazamento e pola súa xornada escolar. Decidir que sexa un aulario, por moito empeño que se poña, non vai trasladar o novo colexio ao recinto do Vales, así que sempre haberá familias indo dun ao outro, co agravante de que agora incluso deberán facelo aquelas que teñan aos seus fillos e fillas unicamente na etapa de educación infantil, pois os servizos administrativos continúan a estar no antigo antigo Vales Villamarín. En canto ao transporte e á xornada escolar, se agora xa son os mesmos (mesmos horarios e mesmas rutas de transporte para ambos os dous colexios), que inconveniente habería para que seguisen a selo tratándose dunha EEI adscrita a un CEP?

Custoume crer que se tentase alarmar sobre que, de seren dous centros independentes, podería haber dificultades á hora de obter praza ao pasar da etapa de infantil á de primaria, cando a LOE é clara e taxativa ao respecto (Título II, Capítulo III, Artigo 84.5: Os centros públicos adscritos a outros centros públicos que impartan etapas diferentes se considerarán centros únicos a efectos de aplicación dos criterios de admisión de alumnado.) e, como tal, así se cumpre cos alumnos e alumnas das EEI adscritas de Coirós e Paderne, cando se incorporan á educación primaria no Vales.

Aínda máis me sorprendeu saber que se puxera en tea de xuízo a honradez, profesionalidade e dedicación do equipo directivo do CEIP Francisco Vales Villamarín ao suxerir que coa independencia do novo colexio, realmente, eramos os únicos beneficiados, porque así traballabamos menos. E digo ben, sorprendeume, como seguro que tamén así aos centos de alumnos e alumnas que Pilar e Merchi tiveron, aos seus pais e nais, e aos múltiples compañeiros e compañeiras cos que compartiron esforzos, intereses e coñecementos ao longo de xa tantos anos no exercicio deste marabilloso oficio, moitos deles desenvolvendo ademais, como agora mesmo, funcións directivas que, ao igual que a min, lles viñeron dadas, e nos que demostraron sobradamente unha profesionalidade e compromiso fóra de toda dúbida. Por suposto que non vou a negar que iamos traballar menos. Tampouco é preciso facerse moitas cábalas para chegaren á conclusión de que xestionar unha EEI de 300 alumnos e alumnas ou un CEP de 700 é menos complexo e require menos esforzo e dedicación que un CEIP de case 1000 e coas peculiaridades que agora vai ter o noso centro. Pero tamén é certo, que o complemento económico polo exercicio da función directiva é proporcional ao tamaño do centro e, por engadido, ao maior ou menor esforzo na súa xestión; así que a centro máis grande, maior dedicación e maior complemento económico, e a centro máis pequeno, menor dedicación e menor complemento económico. Cal é pois o beneficio?

Igualmente insinuouse que desagregar o novo colexio para crear unha EEI adscrita ao Vales Villamarín implicaría menos atención ao alumnado, por tanto que os tres membros do profesorado que conformasen o equipo directivo, reducirían horas de docencia para dedicalas ás funcións propias da xestión do centro. Curiosa insinuación, cando hai xa catro anos que isto está a suceder (e non é a primeira vez), pois a xefa de estudios e a secretaria do centro, que son mestras de educación infantil, empregan en boa lóxica, unha parte da súa xornada laboral no desempeño das funcións propias dos seus cargos que, volvo a sinalar, elas non elixiron. Digo máis, esta insinuación falta totalmente á verdade por canto que as horas que o equipo directivo debe empregar no desempeño das súas funcións, como todo o mundo sabe, son cubertas polos demais compañeiros e compañeiras para que os nosos alumnos e alumnas endexamais estean desatendidos ou carentes de intervención docente. E máis aínda, se tal así non fose, converter o novo colexio nunha EEI adscrita ao Vales melloraría esta situación, xa que en contra do que puidese parecer, non só non minguarían as horas de docencia senón ao contrario pois o catálogo de postos de traballo, o número de mestres, veríase incrementado pasando dos 18 actuais (17 de educación infantil e 1 de audición e linguaxe) a, como mínimo 21, xa que a nova escola, polo número de unidades (13 e medrando) debería contar ademais con 1 mestre especialista de pedagoxía terapéutica, 1 especialista en inglés e 1 orientador ou orientadora propios. Claramente ilustrativo do que afirmo é o caso da EEI de Milladoiro, no concello de Ames, que contaba no pasado curso 2013/14 con 13 unidades (igual que a Nova EEI de Betanzos, como así se le na placa que no vestíbulo principal instalou a empresa construtora); o seu claustro de mestres estaba constituído por 17 de educación infantil, 1 de audición e linguaxe, 2 de pedagoxía terapéutica, 1 de inglés e 1 orientadora, ademais da habitual mestra de relixión católica.

Se reparamos no inmediatamente anterior é doado concluír que a non segregación da nova EEI de Betanzos, suponlle a administración educativa un aforro económico, por canto non aumentaría novas nóminas de mestres e continuariamos a ser un centro en lugar de dous, que eu estimo en arredor duns 130.000 euros anuais. Con toda a cautela que o meu modesto entender alcanza e co máis absoluto respecto polo proceder dos demais, despois de xa case cinco páxinas, penso que quizais sexa este o único argumento (non empregado) certo, con fundamento e sostible.

Haberá quen manteña que en momentos como o actual, está ben aforrar diñeiro; pero este aforro que, á vista das realidades escolares doutros lugares de Galicia, atopo claramente discriminatorio co CEIP Francisco Vales Villamarín e con Betanzos en xeral, implica ademais unha considerable mingua nos recursos e na capacidade orzamentaria do noso centro. Dado que continuaremos a ser un único centro educativo, os ingresos, que para gastos de funcionamento imos recibir da Consellería, serán practicamente os mesmos que en anos anteriores (poderían incluso ser menores, nos anos 2012, 2013 e 2014 recibimos 56.164, 55.896 e 55.829 euros, respectivamente, a pesar dos sucesivos aumentos de alumnado), pero os gastos multiplicaranse progresivamente. Por exemplo, ao ter dúas caldeiras, pasaremos dun gasto de entre 16 e 17.000 euros anuais en combustible para a calefacción a uns 23 ou 24.000, e duplicaremos, a bo seguro, os arredor de 1.200 euros de teléfono, ao ter unha liña máis. Dubido que as empresas coas que temos contratados os seguros e os servizos de revisión e mantemento (moitos obrigatorios) de caldeiras, instalacións eléctricas e equipamento audiovisual e informático, segan a respectarnos as mesmas tarifas que cando eramos un único colexio. É probable, todo hai que dicilo, que no gasto dos distintos niveis e equipos, no de material de oficina e de uso común, aumentemos tan só o condicionado polo incremento do alumnado.

Para entendernos, vainos suceder o que lle ocorrería a unha familia que, cun único salario, pasase de ter un a dous pisos; agás de en alimentación, en roupa e en calzado (a non ser que aumente a familia, como acontece no noso caso, xa que é máis que probable que no próximo curso 2015/16 pasemos das 43 unidades actuais a 45 ou 46), en todo o demais practicamente duplicaría os gastos.

Xestionar un centro educativo da magnitude do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos era, de por si, unha tarefa, á que ninguén se prestaba voluntario, ardua e absorbente ate a extenuación (non é difícil imaxinar como vai ser a partir de agora); tanto é así que, logo dos meus case dezaoito anos de docencia neste centro, estou en condicións de afirmar e confirmar que foron varios os compañeiros e compañeiras que viron seriamente afectada a súa saúde durante o desempeño dalgunha función directiva no mesmo (moitos dos inspectores e inspectoras que tivemos poderían corroboralo). Pero a pesar de todo, nestes últimos tempos, grazas á categoría profesional do colectivo docente, ao seu esforzo e ao seu afán formativo, á implicación e sintonía da ANPA, á colaboración dos gobernos municipais (de todo signo político) e, tamén hai que dicilo, da administración educativa, o Vales é un exemplo de convivencia, de centro educativo integrador, dinámico e emprendedor, tal e como se reflicte dos resultados derivados das sucesivas probas da Avaliación de Diagnóstico, que situaron ao noso colexio por riba da media doutros centros con iguais parámetros socioeconómicos e culturais e do elevado grao de satisfacción do colectivo familiar, expresado a través dos cuestionarios realizados xunto coas anteditas probas, ademais de sermos un referente para moitos centros de Galicia no campo da atención á diversidade, na integración de alumnado con especiais necesidades de atención educativa e na busca de novas liñas metodolóxicas.

Agora todo está a piques de derrubarse. Unha decisión non agardada pola comunidade educativa, ven de rachar coa excelente sintonía, co feeling (na súa versión inglesa, moi de moda) que impregnaba todas as nosas relacións. Unha decisión que sementa a decepción e o desánimo no colectivo docente dun centro no que, polas súas características, calquera actividade, función ou coordinación que se desenvolvese, xa significaba multiplicar aritmeticamente a súa implicación e esforzo a respecto doutros, e que obrigará a este e aos futuros equipos directivos do Vales a priorizar os seus esforzos e capacidades na inxente tarefa administrativa que lles agarda, a costa da súa verdadeira e principal misión, a pedagóxica.

Durante todo este proceso sempre apostei por mantermos unha actitude positiva, dialogante e conciliadora. Agora síntome enganado e dóeme, pero aínda máis me doe sentirme causa e parte deste engano. Desculpas a todos e a todas os que acreditastes no meu optimismo e confianza.

Velaí as miñas reflexións. Creo sinceramente que alguén máis debería reflexionar .

Andrés Otero Martínez
Director do CEIP Francisco Vales Villamarín 

EEI_Carta_Aberta_do_Director.pdf

2016 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos